Cantigas de matrimonios

A B C D E F G H I J K L M N O P Q R S T U V W X Y Z 0-9

Letra de Cantigas de matrimonios

Cantigas Populares Galegas

Eu querer quéroche ben,
e téñoche admiración;
pero casarme contigo,
non mo pide o corazón.

Non mo pide o corazón,
non mo pide o corazón;
eu querer quéroche ben,
eu téñoche admiración.

Non sei por que me casei,
que solteira ben estaba;
antes falaban de min,
agora ninguén me fala.

Non sei porque me casei
que solteira ben estaba;
andaban detrás de min,
agora ninguén me fala.

Palabra de casamento
nin cha dou nin cha darei;
pasar o tempo contigo
iso si que o farei.

Eu queríame casar,
miña nai non teño roupa;
casa miña filla, casa
que unha perna tapa a outra.

Eu caseime por un ano,
por saber que vida era;
agora o ano acabouse,
solteiriña quen me dera!

Solteiriña, non te cases,
non déixe-la boa vida;
que eu ben sei dunha casada
que chorou no outro día.

Eu caseime aló para arriba,
para a terra de moito pan;
o forno da miña sogra
bota silvas no verán.

Miña nai por me casar,
ofreceume canto tiña;
agora que me casei,
pagoume cunha galiña.

Miña nai por me casar
ofreceume bois e vacas;
agora que me casei,
deume unha cunca de papas.

Caseime para aló para arriba,
para a terra de Maragatos;
cunha vella, vella, vella,
toda comesta dos ratos.

Casadiña de tres días,
onde che van as colores?;
nin casada, nin solteira,
nunca chas tiven mellores.

Caseime para aló para abaixo,
para a terra de Maragatos;
déronme un homiño vello
todo comesto dos ratos.

Caseime para aló para abaixo,
para a terra de moito pan;
o forno da miña sogra
bota silvas no verán.

No medio do Vilar hai
unha pedra de asento,
para sentárense os mozos
que veñen do casamento.

Eu queriame casar,
miña nai dime que é cedo;
ela como está casada,
non sabe as ganas que eu teño.

Non quero casar, ¡caramba!,
¡non quero manter muller!,
que a manteña seu pai,
que a manteña se quere.

Heiche de dar o boi mouro
e maila vaca marela,
e maila filla máis nova,
se non queres a máis vella.

Heiche de dar o boi louro
e maila vaca Marela
e maila filla máis nova
para que cases con ela.

Miña nai por me casar
ofreceume un año novo;
agora que me casei,
dixo que o comera o lobo.

Heime de casar este ano,
anque sexa cun ben pobre;
que todo o mundo fai risa
da muller que non ten home.

Moito me gustas rapaza,
no lavar da túa roupa;
has de ser miña cuñada,
se meu irmán non quere outra.

Oliveira ben prantada,
sempre parece oliveira;
unha nena ben casada,
sempre parece solteira.

Non quero casar, caramba;
Non quero manter muller.
Que a manteña seu pai!
Que a manteña se quere!

A regueifa está na mesa,
no medio ten un codeso;
a muller que a amasou,
aínda ten o lombo teso.

Aquí nenas, aquí todas,
darredor do meu sombreiro;
heivos de casar a todas
se o voso pai ten diñeiro.

O día que ti te cases
deus queira que non apareza
nin o crego, nin o sacristán,
nin as chaves da igrexa.

O día que eu me case
queira Deus que non apareza
nin cura, nin sacristán,
nin as chaves da igrexa.

O anillo do meu dedo
é de diamante moi fino;
heicho de dar, Manuel
cando te cases comigo.

Heime de casar contigo,
heime de casar, hei, hei;
heime de casar contigo,
coa túa nai xa falei.

Non te quero, non te quero
e xa na cara cho digo;
non me pariu miña nai
para casarme contigo.

Neniña bonita da cor da cereixa,
cásome contigo, se teu pai me deixa;
se teu pai me deixa e a túa nai quere,
neniña bonita, eres miña mullere!

Regaliño dos meus ollos,
prenda das miñas entrañas:
se non te casas comigo,
por qué non me desenganas?

O día que me casei,
todo o día caeu neve;
aínda puido caer viño
que o meu home ben o bebe.

Corredoiras apretadas,
camiño de moitas pedras;
se non te casas comigo
nunca bo camiño levas.

Debaixo da túa ventá
hai un puñal escondido;
para matar á túa nai,
se non te casas comigo.

Letra de Cantigas De Matrimonios de Cantigas Populares Galegas

Todas las letras de canciones de Cantigas Populares Galegas. Letra de Cantigas De Matrimonios de Cantigas Populares Galegas y muchas más en SigueLaLetra
Podrás consultar todas las letras que quieras, añadirlas a tus letras favoritas y compartirlas con tus amigos.

Usamos cookies propias y de terceros. Si continúa navegando consideramos que acepta el uso de cookies.

Aceptar Más información